Mariño, Xurxo. 2020. "Unha mente que voa: unha mirada á evolución da linguaxe", Vigo: Xerais [124 pp.]. ISBN: 978-84-9121-761-9 (original) (raw)

2022, Estudos de lingüística galega

Unha das cuestións máis misteriosas da historia evolutiva do ser humano é a orixe da linguaxe. Unha mente que voa: unha mirada á evolución da linguaxe (2020) ofrece unha perspectiva ampla sobre este tema, achegando unha cantidade moi diversa de información procedente de distintas disciplinas, tanto das ciencias humanas coma das sociais e as naturais. Ponse especial atención en como a linguaxe alcanzou un grao de complexidade tan alto e nos porqués de non terse desenvolvido noutras especies do mundo animal. A obra está dividida en 6 capítulos, un epílogo que a pecha e unha pequena introdución, Nesta explícanse as características fundamentais que permiten diferenciar a natureza humana da natureza de calquera outra especie animal. A primeira compoñente desa "tríade virtuosa" é 1) a autoconsciencia, isto é, a capacidade que permite posuír unha mente autoconsciente coa que poder saberse existente e recoñecer a existencia doutras mentes. Esta capacidade, compartida en principio por algunhas outras especies coma os golfiños, é fundamental dende un punto de vista evolutivo, xa que é indispensable no desenvolvemento de sociedades complexas e determinante para que se poidan dar as outras dúas compoñentes da "tríade": 2) o pensamento simbólico, co que é posible manexar todo tipo de conceptos abstractos-non necesariamente presentes-e 3) a linguaxe. Despois da introdución figura o capítulo "Índices, iconas e símbolos". Xurxo Mariño comeza caracterizando os índices e as iconas e contrapoñéndoos aos símbolos. Ao fío disto, comenta que "a lingua é o exemplo máis abraiante que coñecemos de sistema simbólico" (Mariño 2020: 21). A maioría dos animais non-humanos comunícanse só a través de índices ríxidos e estereotipados e mediante os que só poden facer referencia ao aquí e ao agora. É dicir, non posúen unha mente simbólica coma a dos humanos. Ademais, o seu sistema de comunicación carece de desprazamento-salvo casos concretos coma o das abellas-e sintaxe, entendida nun sentido amplo como a capacidade de unir e combinar ítems simples para construír ítems máis complexos. Inda así, téñense dado casos-sobre todo no eido da primatoloxía-moi interesantes coma, por exemplo, o do bonobo Kanzi, capaz de entender algo de inglés falado e de manexar unha serie bastante ampla de lexigramas simbólicos e arbitrarios cos que é capaz de comunicar algúns conceptos. Non obstante, o autor indica que Copyright © Universidade de Santiago de Compostela. Artigo en acceso aberto distribuído baixo os termos da licenza Atribución-Non comercial-Non derivadas 4.0 Internacional (CC BY-NC-ND 4.0).