Veritas temporis filia : a achega de Feijoo á historia cultural (original) (raw)
2016, B. J. Feijoo, renovador do pensamento da Ilustración.
Cando tanto proliferan os estudos históricos referidos ás letras, ás ciencias, ás artes ou, de querermos, á produción cultural en sentido amplo, resulta difícil imaxinar que houbo un tempo, non demasiado afastado, no que esas materias estiveron, se non ausentes, limitadamente representadas no coñecemento histórico. Pero así foi, como lamentaba o gran filósofo inglés Francis Bacon (1561-1626), xustamente ao propoñer a necesidade de incorporar ao saber historiográfico a «historia litteraria» ou «historia litterarum et artium», para entender na súa plenitude o proceso intelectual e avanzar nel con máis eficacia, no seu De dignitate et augmentis scientiarum (1623) 1 , isto é, a exposición rigorosa do curso evolutivo dos diversos coñecementos e artes. Unha historia que na súa formulación ía moito máis alá das achegas parciais feitas ata aquel momento, pois contería as orixes e o desenvolvemento das distintas doutrinas e artes que floreceron ao longo das idades do mundo, as «seitas» que se formaron e as controversias máis célebres mantidas entre os doutos, as calumnias que padeceron e os honores que recibiron, os inventos e as obras máis importantes en cada materia, as academias, colexios e sociedades científicas, a disposición dos diversos pobos para o exercicio das ciencias, os factores que contribuíron a favorecer ou entorpecer o desenvolvemento científico…; en fin, esa inmensa e dinámica cantidade de sucesos relacionados co saber ao longo do tempo sen o cal a historia do mundo é, segundo a súa gráfica comparación, «como la estatua de Polifemo sin su ojo ('eruto oculo'), sin aquello que mejor revela el espíritu y la vida de la persona». E, en efecto, esa proposta, coma tantas outras da súa renovadora formulación do método científico, non quedou en simple aspiración. Asumida por moitos dos máis significativos historiadores da Ilustración como parte indisociable do coñecemento histórico, a historia literaria 2-a «historia do espírito humano» en axustada expresión de Saint-Aubin, Fontenelle, Voltaire, D'Alembert, Luis José Velázquez, os irmáns Rodríguez Mohedano e moitos outros-foi amplamente 1 É a tradución latina, ampliada, da primeira versión en inglés, Of the Proficiente and Avancement of Learning, Divine and Human, publicada en 1605. Cito por Bacon (1664). 2 Sobre a noción de literatura e historia literaria no século XVIII, véxase Urzainqui (1987). A poderosa influencia de Bacon na historiografía cultural europea púxoa de manifesto Georges Gusdorf no capítulo II («Esquisse d'une histoire de l'histoire des sciences») do seu valioso libro de 1966. Para unha panorámica xeral dos máis importantes traballos realizados nesta liña en España, véxase Cebrián (1996, 1997) e Albiac (2011: 67-86).